Friday 10 de May de 2024

O delegado territorial da Xunta na Coruña visitou ao presidente do Tribunal Superior e ao Fiscal Superior de Galicia


Ovidio Rodeiro mantivo senllas reunións con Miguel Ángel Cadenas e Fernando Suanzes, nas que analizaron, entre outros asuntos, a inminente entrada en funcionamento da nova sede xudicial da Coruña, na antiga Fábrica de Tabacos

O delegado territorial de Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), onde foi recibido primeiro polo seu presidente, Miguel Ángel Cadenas, e de seguido polo Fiscal Superior, Fernando Suanzes.

En ambos os casos, o delegado territorial coñeceu de primeira man as inquedanzas dos representantes dos estamentos xudiciais e analizou o estado da nova sede xudicial que a Xunta está a rematar no edificio da antiga Fábrica de Tabacos. O edificio albergará a Audiencia Provincial, a Fiscalía Provincial (incluída a fiscalía de menores), o Xulgado de menores, o Xulgado de vixilancia penitenciaria, as oficinas de la Secretaria provincial de coordinación, as oficinas da Xunta Electoral Provincial, e a Mutualidad General de Funcionarios de Justicia.

Este renovado edificio, de máis de 17.000 metros cadrados, albergará a case 200 traballadores da Administración de Xustiza, e permitirá incrementar nun 70 por cento a superficie das unidades xudiciais actuais, resolvendo os problemas de espazo para os vindeiros vinte anos.

Esta obra conta cun investimento por parte do goberno galego de máis de 16 millóns de euros e consolidará as infraestruturas xudiciais da cidade da Coruña, recuperando un inmoble senlleiro.